Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta adxudica as obras de impermeabilización do depósito do tanque de tormentas do Porto Deportivo de Pontedeume


― Este contrato, adxudicado por preto de 48.000 €, ten como obxectivo optimizar o funcionamento da depuradora de Centroña

― As obras permitirán evitar ou reducir as descargas do sistema de saneamento e enviar de forma controlada as augas residuais á depuradora que serve aos municipios de Cabanas e de Pontedeume

― Esta actuación súmase ás intervencións de mellora do saneamento na ría que está a impulsar a Xunta nos municipios de Cabanas e de Pontedeume cun investimento global de 8,4 M€, para as que se reserva un investimento de 2,33 M€ nos Orzamentos de 2024

― Tamén en Pontedeume, o Goberno galego está a executar as obras de mellora do saneamento de Ver e de Boebre, ás que destina máis de 955.000 euros, recollendo nas contas de 2024 unha partida de 370.000 euros para culminar estas actuacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de impermeabilización do depósito do tanque de tormentas emprazado no porto deportivo de Pontedeume para optimizar o funcionamento da depuradora de Centroña.

A estación de tratamento de augas residuais de Centroña, destinada a mellorar o saneamento nos concellos de Cabanas e de Pontedeume, é moi sensible ás accións da auga ao estar afectada por un alto nivel freático, debido á acción da marea e á hidroloxía da zona, tendo en conta que o depósito do tanque de tormentas está emprazado nun lateral do porto deportivo de Pontedeume e na faldra dunha pequena elevación.

A través desta actuación, adxudicada á empresa Prace, Servicios y Obras, S.A. por preto de 48.000 €, búscase evitar, ou cando menos diminuír, as descargas do sistema de saneamento á masa de auga e enviar de forma controlada as augas residuais á depuradora de Centroña.

En concreto, as actuacións no tanque de tormentas levaranse a cabo no perímetro dos muros interiores da infraestrutura e no chan da cámara seca, na cámara de retención e na zona da canle de tempo seco.

As obras previstas permitirán que a depuradora de Centroña gañe en eficiencia, ademais de garantir unha maior durabilidade do depósito do tanque de tormentas.

Esta actuación súmase ás obras de mellora dos sistemas de depuración na ría de Pontedeume que está a impulsar a Xunta nos municipios de Cabanas e de Pontedeume, cun investimento global de 8,4 millóns de euros. Para avanzar nas intervencións de mellora de saneamento nestes dous concellos, os Orzamentos da Xunta reservan o vindeiro ano unha partida de 2,33 millóns de euros.

Ademais, tamén en Pontedeume, o Goberno galego está a executar as obras de mellora do saneamento de Ver e de Boebre, ás que destina un investimento autonómico de máis de 955.000 euros. O obxectivo é eliminar os vertidos procedentes destes núcleos, coa construción dunha nova estación de bombeo en Ver e una nova rede de colectores e impulsión, ademais dunha estación depuradora en Boebre. As contas da Xunta de 2024 recollen unha partida de 370.000 euros para culminar estas actuacións.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer de forma eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento e proporcionen servizos de calidade aos cidadáns.